Entra e verás. Aquí atoparás unha sinxela pero actual ferramenta para coñecernos e seguir a nosa pegada. É esta una parroquia xove xa que naceu xuridicamente no ano 1979, sendo arcebispo de Santiago de Compostela Mons. Suquía Goicoechea. Iso si, a comunidade xa se ía conformando dende o ano 1970-1971; coma sempre, a vida vai por diante do puramente normativo.

  No ano santo compostelán 2004 celebramos as nosas vodas de prata parroquiais; un momento especial de convivencia, lembranzas e gratitude entre os que pertenceron e pertencen á nosa comunidade. Baixo o lema “12 meses, 12 causas” cada mes realizabamos algunha actividade cultural, social, lúdica ou relixiosa para celebrar as nosas raíces como comunidade parroquial.

  Actualmente seguimos a traballar con coraxe e cun estilo renovado e aberto coa única fin de que as novas xeracións aquí en Vilagarcía teñan a oportunidade de sentir a Deus como o fundamento das súas vidas e entendan a experiencia relixiosa como unha liberación festiva e comunitaria nestes tempos de individualismos e consumismos enfermizos, ¡Vén e verás! ¡Deus é amor!

 
D. Manuel Antonio Couceiro Cachaldora.