A LI Pascua Xoven de Arousa 2024 xa ten cartel!

O cartel que nos acompaña este ano na Pascua Xoven de Arousa está formado por algúns ELEMENTOS que queremos compartir con todos vós.
Agardamos que vos axude a encamiñar o traballo nos grupos e a miralo con outros ollos, os ollos do corazón, como nos miraría Deus igual que a todas e cada unha das persoas que pasan polas nosas vidas.

Cor AZUL

O primeiro que vemos é a cor azul en varias tonalidades. É unha cor que nos fala de tranquilidade, creatividade, fidelidade, compromiso e… ESPIRITUALIDADE!

“Furacán”…

Os ventos fortes asustan, desordenan, moven e removen as cousas de lugar. Se é un furacán, é capaz de levantar ata o máis pesado, e levalo cara ao centro desa corrente de aire.
Ás veces, tamén axudan a limpar ou sacudir o que xa non serve, como as follas no outono.

… ou remuíño de auga con tres correntes

Cada unha das correntes representa a unha das Persoas da Trinidade: o Pai, o Fillo e o Espírito; pero o mesmo aire!
É Deus, en tódalas súas formas o que nos xunta no medio de todo, no seu corazón. Se intúes máis correntes, é que xa estás ti traballando man a man con Deus para que máis persoas saiban que El nos ama a cada un e cada unha.

“Persoa”…

Aínda que non saibamos ler algunhas das palabras, todas significan o mesmo:‘persoa’ en varios idiomas.
Todas as persoas teñen cabida no corazón de Deus.

Lema: Todos x 3
O papa Francisco, na pasada Xornada Mundial da Xuventude, en Lisboa, repetiu que na Igrexa teñen cabida todas as persoas.
O número 3 é moi significativo para os cristiáns, pois tamén é o número da Trinidade, que é AMOR.

Todos x 3
Lema escrito de maneira imperfecta, con caracteres diversos; como se aínda non aprenderamos a escribir, mesturando varias tipografías. Buscamos reflectir que a Igrexa, formada por persoas, non é perfecta, polo que o camiño é buscar “escribir” cada día mellor; acoller cada día mellor. Ademais, é un xeito de representar a diversidade que existe no planeta e, tamén, na comunidade eclesial.

A ti que che parece?